
Actividades formativas
Obradoiro de Encadernación e Papelaría
A encadernación é unha técnica ou proceso con séculos de antigüidade. Vénse practicando desde o nacemento dos libros e aínda perdura na actualidade. É un proceso laborioso, no que as persoas usuarias do Centro Ocupacional Pascual Veiga dedican tempo a realizar esta tarefa con coidado e mimo en cada artigo elaborado para acadar un resultado óptimo.
Na encadernación artesá empregamos principalmente dúas técnicas:
Encadernación copta:
Consiste nun proceso no que as tapas, de cartón duro, se cosen ás follas mediante o uso dun fío fino e a realización de nós.
Encadernación xaponesa:
É o proceso de encadernación artesanal máis coñecido, antigo e versátil. Emprégase fundamentalmente a técnica do cosido. Pódense empregar, por exemplo, moitísimas combinacións de enfiado para suxeitar as tapas, tamén duras, e as follas. O que destaca é precisamente o coidado que se adoita poñer tanto no enfiado como no acabado estético. Téñense moi en conta a cor das tapas, das gardas que se lles colocan a estas e do material empregado para enfiar.
Realízanse encadernacións de maneira artesanal de libros, fascículos e coleccionables, cosidos a man. Tamén se fan encadernacións rápidas con arame espiral. Confecciónanse artigos de agasallo personalizados como cadernos, blocos, carpetas, álbums de fotos, libros de firmas, etc.
Obradoiro de Estarcido e Estampación Textil
As plantillas ou modelos de estarcido son uns dos materiais máis antigos empregados para estampar superficies, e constitúen unha técnica de estampación manual que nos permite traballar sobre todo tipo de materiais téxtiles.
Destacamos o valor da artesanía do estarcido, a partir da cal xorde a técnica da serigrafía, unha técnica máis industrial e menos artesá. As persoas usuarias do Centro Ocupacional Pascual Veiga dan renda solta á súa creatividade no proceso de estarcido e pintado a man, xa que permite transferir deseños personalizados ás distintas superficies de tea, facendo presión, recorte, debuxo a man alzada, deseños propios ou copiados, abstractos ou definidos.
Para o proceso de estampación téxtil emprégase unha placa térmica. Trátase de aplicar a impresión do deseño desexado en papéis que nos serven para transferilo ás prendas. Son unhas transferencias que se imprimen sobre un papel siliconado e se trasladan ao tecido cunha placa industrial mediante calor e presión. Os artigos téxtiles que se empregan son moi variados: domésticos, funcionais, prácticos e decorativos… ¡perfectos para agasallar!
Terapia Ocupacional-Entrena Función
Entrena Función é un programa específico de Terapia Ocupacional desenvolvido para o Centro Ocupacional Pascual Veiga, cuxos obxectivos principais son promover o desempeño funcional das persoas con discapacidade intelectual, maximizar a súa participación nas actividades da vida diaria e mellorar a súa calidade de vida.
A intervención vai dirixida a adaptar e traballar sobre as actividades cotiás e a adestrar de forma integral as diferentes destrezas sensoriomotoras, cognitivas, sociais e emocionais.
Co fin de optimizar a intervención e os recursos, o servizo estrutúrase en dúas áreas: grupal e individual, onde as actividades propostas están deseñadas especificamente, situando á persoa como eixo central da intervención e atendendo ás súas características, fortalezas e necesidades individuais.
A consecución destes obxectivos acádase intervindo nas seguintes áreas:
-
Área sensoriomotora e cognitiva
-
Novas Tecnoloxías e Habilidades Sociais
-
Actividades da Vida Diaria
-
Promoción do Envellecemento Activo
Entrena Función está financiado pola Obra Social LaCaixa desde o ano 2018 ata a actualidade.